viernes, 27 de junio de 2014

Estivemos en MeteoGalicia!


O alumnado do CS de Saúde Ambiental viaxamos ata Santiago de Compostela, o 27 de xuño, para visitar as instalacións de MeteoGalicia.



Alí recibimos dúas actividades formativas: O ruído ambiental e A Calidade do Aire. Como complemento leváronnos a ver a estación da Rede de Calidade do Aire de Galicia que está en San Caetano. 

Na actividade sobre o ruído ambiental faláronnos do son, das características do son, das súas variables. Vimos como se utiliza un sonómetro e cal é a relación entre o número de persoas falando e o aumento (en relación logarítmica) do nivel de ruído medido en dB.

Así o ruído que emite unha persoa falando é duns 60 dB, cando falan dúas persoas é duns 63 dB, cando falan tres é duns 64-65 dB.
Tamén nos explicaron a relación entre as distintas normativas sobre o ruído a nivel nacional que se regulan partindo da Lei estatal 37/2003. Máis tarde xurde o RD 1367/2007. Cada Comunidade Autónoma regula con Leis autonómicas, Decretos e Ordes e logo cada Concello ten a súa ordenanza (ou non a teñen, nalgúns casos). No caso de Galicia a normativa sobre de ruído data do 2008. Esta situación, na que a normativa autonómica é máis antiga que a estatal, fai que ás veces se dea unha situación de "vacío legal" que se solucionará en cuestión duns meses, xa que sairá unha nova lexislación autonómica.
Tamén nos falaron do límite máximo de ruído que podemos xerar, 87 dB, no nivel de ruído durante o día, a tarde e a noite (65 dB). Dos lugares onde se pode xerar o ruído e onde se mide o nivel de ruídos nunha casa (fiestra ou fachada). 
Logo nos contaron que as consecuencias da exposición ao ruído son as interferencias na comunicación e os seus efectos sobre a saúde. Chamounos a atención que as perdas económicas que produce o ruídos cheguen oas 12000 millons de euros/ano! En relación ao aumento do nivel de estrés e os efectos coronarios. Tamén foi moi impresionante decatarnos de que como media perdemos unha semana de vida!

Na actividade sobre a Calidade do Aire explicáronnos como a Rede de Calidade do Aire está en realidade composta, pola súa forma de nacer en Galicia, por dúas redes, a de estacións propias da Consellaría e a de estacións industriais (que estaban obrigadas a medir os valores de inmisión con anterioridade).
Ademáis nos contaron que fan campañas coa estación móvil como apoio a outras estacións, por exemplo, ou cando é necesaria en lugares onde non hai unha estación cercana.
Faláronnos do ICA, Indice de Calidade do Aire, e como tiñan pensado mellorar e facer máis visible esta información na web formando parte tamén da información dos mapas de predición meteorolóxica.

Ofrecéronnos información sobre como obter os datos que eles elaboran, a través dos informes anuais e os informes mensuais. Incluso nos dixeron que podiamos pedir máis datos por escrito, de ser o caso que quixeramos facer unha investigación.

Logo fomos ata a estación de San Caetano e alí nos explicaron como funciona unha estación. Vimos como son os aparellos de medición de contaminantes. Nos contaron en que consiste o seu mantemento. E tamén como se decide onde se coloca unha estación de Calidad e do Aire.


O certo é que foi unha visita moi produtiva!

No hay comentarios:

Publicar un comentario